20071224

A cobertura informativa sobre o crime de Cambados

Comunicado do Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia-Observatorio Galego dos Medios

A raíz da cobertura que os medios de comunicación fixeron do crime perpetrado por un garda civil que matou dun disparo á súa ex noiva no interior do cuartel de Cambados, o Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reitera o deber que teñen os xornalistas de observaren as normas éticas e profesionais ás que os obriga a súa condición de mediadores entre os feitos e a sociedade. É ao que responden as recomendacións que de maneira consensuada foron recollidas no seu día (16 de outubro de 2004) na “Declaración de Compostela”, algunhas das cales foron incumpridas neste caso. Ao respecto, o Observatorio quere subliñar eses incumprimentos:


1.- Algúns dos medios que cubriron ese execrable crime incluíron a información na sección de Sucesos, e no seu defecto, en páxinas ou bloques informativos habitual e rutinariamente destinadas a crimes e delitos diversos. Desta maneira, restáronlle a ese acto de violencia contra a muller que acudira precisamente ao cuartel para denunciar ao seu agresor a súa dimensión social, ou mellor, a súa identificación como problema social que é. Da mesma maneira que nos atentados terroristas queda claro que o asasinato non é un crime máis, senón que está incardinado nun contexto político e que quen mata está ligado a unha determinada ideoloxía, debe quedar tamén claro que os asasinatos de mulleres –ou no seu caso, as agresións que elas sufriran- a mans de homes polo simple feito de seren mulleres, beben da ideoloxía patriarcal e han ser presentados nos medios de comunicación incardinados no contexto da violencia de xénero. Porque se trata da mesma ideoloxía da que beben as desigualdades entre mulleres e homes que se manteñen na vida cotiá, a mesma que actúa como motor da violencia de xénero. Neste caso concreto, a posición de dominio que asumiu o agresor: ou miña ou de ninguén.

2.- Así mesmo, a maior parte dos medios esforzáronse por explicar o comportamento criminal do home en base aos efectos do alcohol, da depresión ou do seu carácter agresivo. Agora ben, o estado de suposta embriaguez non lle impediu moverse con precisión no escenario do crime, nin tampouco matar á que fora a súa noiva dun tiro certeiro. Priorizando esas circunstancias sobre o acto criminal en si, algúns medios contribuíron a atenuar a brutalidade e a culpabilidade do agresor. Este tipo de actos deben explicarse atendendo á súa última causa, nunca priorizando as circunstancias colaterais no relato xornalístico.

3.- Aínda que a vítima non teña xa a posibilidade de defenderse, como é o caso, segue íntegro o seu dereito á intimidade. A práctica totalidade dos medios que cubriron este crime non só claudicaron nisto, senón que como consecuencia diso incumpriron tamén o deber que teñen de respectar o dereito ao anonimato dos familiares da vítima.

4.- Nos relatos xornalísticos publicados ou editados non se esforzaron os seus autores en dar conta, como se vén recomendando e mesmo como se ten consensuado ultimamente entre responsables de igualdade nos gobernos e representantes de medios, daquela información –datos, recursos, entidades de apoio e asesoramento- que ha ser útil para que outras mulleres que se sinten ameazadas e acosadas, como o estaba esta muller de Cambados, saiban a que aterse, e non acaben sendo vítimas mortais de homes violentos. E tamén porque é como se as pode animar desde os medios, para que casos tan graves de violencia de xénero non acaben producindo nas que estean sufrindo a mesma situación un efecto disuasorio, buscando pola contra a maneira de saíren da espiral de violencia na que estiveran atrapadas.

5.- É preciso insistir en identificar a violencia contra as mulleres como unha violación dos dereitos humanos. Os medios de comunicación non acostuman identificar como tal a violencia de xénero, nin adoitan cualificala como unha violencia estrutural, a non ser que recollan as verbas dalgunha fonte que así o faga.

6.- Nas informacións sobre este crime vertéronse algunhas contradicións, derivadas da maneira en que utilizaron as versións das fontes, e nesa medida os medios que as trasladaron provocaron confusión nos seus receptores. É necesario que medios e xornalistas validen a fiabilidade e a credibilidade da información que lles cedan as fontes, sobre todo tratándose de fontes oficiais (policiais, gobernamentais…) e de fontes espontáneas e testemuñais (veciños/as, compañeiros/as…), antes de integrala nos relatos definitivos –escritos ou audiovisuais-. Da iniciativa propia e da dilixencia na investigación que leve a cabo o xornalista hase derivar un tratamento e uns contidos que respondan ao seu compromiso coa verdade e á solidariedade coa vítima. A utilización de fontes que ademais de plurais en número sexan cualitativamente diversas, e de fontes expertas ou con coñecementos no ámbito da violencia de xénero (practicamente ausentes nas informacións sobre o crime de Cambados), garante en boa medida eses compromisos profesionais e esa dilixencia. Do contrario, pode ocurrir e de feito ocurre que nas informacións deste tipo se perpetúen os prexuizos e estereotipos tradicionais, culpabilizando á vítima, ou como fixo algún medio no tratamento que lle deu a este crime, xustificando ao agresor ao aducir por boca de fontes espontáneas que se trata dun bo home que simplemente tivo un mal momento.

http://www.xornalistas.com/

20071218

Palabras de Loreto Primo na concentración convocada pola MMM de Trasancos polo asesinato de Mariluz Posse


Jaime Máiz Sanmartín, de 34 anos de idade, garda civil, natural de Ferrol.

Hoxe queríamos comenzar cun nome como case sempre nestas concentracións. Pero esta vez como vedes é diferente, non é o nome dun presunto asasiño, é o nome do asasiño dunha muller que tamén tiña un nome: Mari Luz Posse.
Sempre escoitamos os nomes das mulleres asasiñadas, xa vai sendo hora de escoitar o nome dos asasiños.
Por qué morreu Mari Luz Posse? Polo mesmo que morreron outras 5 mulleres na Galiza e 70 no resto do Estado.

As estatísticas engrósanse con cifras de mulleres maltratadas e asasiñadas que o único que querían era facerse escoitar, que querían escapar dunha situación insostible e que denunciaron.Todo esto sucede e seguirá sucedendo, mentres a sociedade da que todas e todos formamos parte o consintamos.Mentres una parte desta sociedade xustifiquemos, disculpemos o simplemente ignoremos o que está a pasar ó noso arredor tódolos días, seguirá pasando.Mentres non sexamos quen de denunciar e de sinalar ós maltratadores e asasiños de mulleres.Mentres algúns homes sigan pensando que as suas compañeiras son da sua propiedade e non lles demostremos que están completamente errados.Mentres os maltratadores e asasiños se sigan acubillando e pensando que son impunes no seo familiar, e os que o vemos dende fora non o denunciemos.Mentres non sexamos capaces de facer mudar esta sociedade todavía no século XXI extremadamente machista en tódolos seus eidos, non rematarán estas cifras terribles.

Non nos podemos conformar con que os políticos fagan leis, leis sempre benvidas, e por desgracia sempre con medios insuficientes para facelas cumplir.Non nos podemos conformar con que nas escolas intenten ensinar ós nosos nenos e nenas en igualdade. Ainda sendo esto básico, se non o ven reflexado no seu arredor, non servirá.Estámonos a facer un fraco favor se pensamos que esto non se pode cambiar. Si que podemos, podemos rematar coa violencia machista cada quen dende a sua responsabilidade.

É por todo isto que vos convocamos hoxe aquí a Marcha Mundial das Mulleres.

-porque queremos mudar unha situación insostible para nós

-porque queremos por fin, ser nós mesmas

-porque queremos que se nos vexa e se nos escoite

A pesares do loito e do moi triste que o é o día de hoxe, tamén queremos que sexa un dia con esperanza. Conseguiremos entre todas mudar esta situación, porque é os noso dereito a existir como mulleres, porque é a nosa propia vida a que está en xogo.Porque nós, non non resignaremos, porque nós, non nos renderemos. Porque estaremos aquí xuntas para revelarnos cada vez que haxa que facelo. Porque estar aquí forma parte da nosa responsabilidade.

Non o dubidedes nin por un segundo que esta é unha loita gañada.Grazas a todas e todos por estar aquí neste dia tan triste.

Comunicado de condena polo asesinato de Mariluz Posse de Homes Galegos pola Igualdade

Homes Galegos pola Igualdade condea públicamente o acto de violencia machista que se produxo este domingo 16 de decembro de 2007 en Cambados (Pontevedra), onde un Guardia Civil acabou coa vida da súa ex compañeira sentimental.

Representantes da asociación de Homes Galegos pola Igualdade, gardarán un minuto de silencio nos seus respectivos postos de traballo para condenar este suceso e mostrar a súa solidaridade cos familiares da vítima.

Un saúdo, atentamente,


Asociación de Homes Galegos pola Igualdade
Teléfonos: 609276501; 661181725; 661582721
Correo Electrónico: info@homesgalegospolaigualdade.org
Web: www.homesgalegospolaigualdade.org

20071204

Marchan mais de 3000 mulleres na fronteira Colombia-Ecuador


MOVEMENTO DE MULLERES CONTRA A GUERRA
MOVILIZACION BINACIONAL DE MULLERES NA FRONTEIRA COLOMBIA-ECUADOR

O 23 de novembro do ano en curso marcharon máis de tres mil mulleres de diversas organizacións sociais e populares, na fronteira Colombia-Ecuador polas seguintes razóns:

Perto de 250 mil colombian@s, na súa maioría mulleres, buscaron refuxio en Ecuador fuxindo da intensificación do conflito social e armado que vive Colombia e a militarización da fronteira. As violencias contra as mulleres, e en particular a violencia sexual continúa sendo unha práctica recorrente por parte de todos os actores armados. Rexeitamos a discriminación e subordinación que vivimos as mulleres e reivindicamos e esiximos unha vida autónoma e digna.

A marcha saíu de Bogotá o mércores 21 de novembro ás 9 p.m. A primeira parada foi en Popayán, onde fixeron unha marcha pola cidade, alí mobilizáronse unhas mil mulleres denunciando os feminicidios, as violencias contra as mulleres, contra a guerra, e en xeral contra toda a situación de persecución e odio cara ás mulleres que esta sociedade esta expresando cada vez máis con accións demenciais contra todas.

A seguinte parada foi en Pasto onde foron recibidas polo Gobernador Antonio Navarro Wolf, realizouse un evento político-cultural onde falaron as mulleres das organizacións presentes no evento, denunciando unha vez máis a situación de violencia que vivimos as mulleres en Colombia.

O 23 de novembro chegamos a Ipiales, fíxose unha homenaxe na Praza Principal ás mulleres presentes e ás ausentes, logo saíuse en caravana cara á Ponte de Rumichaca onde se reuniron con mulleres de Ecuador de diversas organizacións populares e sociais do país irmán.

No consulado de Colombia na fronteira realizouse un evento político-cultural onde participaron indíxenas kofanes de Sucumbios, os guambianos colombianos e ecuatorianos, cos seus respectivos gobernadores e sabios das tribos, quen realizaron un ritual de procura da paz en Colombia.

O domingo 25 de novembro realizamos unha sentada na sétima con 26, en conmemoración do día da non violencia contra a muller, e fundamentalmente para denunciar os últimos feitos que veñen sucedendo en Colombia de asasinatos contra mulleres en Medellín e Cali, onde morreron mais de cen, en circunstancias que as autoridades non queren esclarecer, nin facer xustiza.

Todas estas actividades realizáronse no marco da NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER que todos os anos conmemoramos, denunciamos e esiximos que as vidas das mulleres e as nenas debe protexerse, porque todo atentado contra as mulleres son delitos de lesa humanidade.

MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES-COLOMBIA
MESA MULLERES E ECONOMÍA
+info Ruta Pacifica