20080529

Videofórum: "Grbavica: o segredo de Esma"

A Marcha Mundial das Mulleres organizou un videofórum, con bastante asistencia de público, o pasado mércores 28 de Maio ás 20h na Casa das Mulleres en Vigo proxectando o filme "Grbavica: o segredo de Esma" (2005) da directora bosnia Jasmila Znabic, como actividade final polo pasado 24 de Maio Día Internacional das Mulleres pola Paz.

A través do filme, coñecemos a historia dunha nai e a súa filla que viven as consecuencias da guerra nun barrio de Saraxevo chamado Grbavica. En palabras da directora: "Grbavica é sobre todo unha historia de AMOR. Un amor impuro porque está mesturado co odio, o noxo, o trauma, a desesperación. Tamén fala desas VÍCTIMAS que, a pesar de non ter cometido ningún crime, non son de todo inocentes aos ollos das novas xeracións. Ademáis, fala da VERDADE, un poder cósmico sen o que non hai progreso, algo tan necesario para unha sociedade como a de Bosnia-Herzegovina que se esforza por alcanzar a madurez". Grbavica é a súa primeira longametraxe e gañou o Oso de Ouro no festival de Berlín no 2006.

20080525

Dia Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres


A Coordenadora Comarcal de A Coruña organiza ao redor da celebración da Xornada Internacional de Acción pola Saúde das Mulheres todo un ciclo de conferencias, videoforuns e coloquios que centram a sua olhada no dereito ao aborto. Celebraránse os días 19, 21, 26 e 28 de Maio ás 19:30 horas na Casa Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12 A Coruña).

A historia do Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres tivo a súa orixe no Vº Encontro Internacional de Muller e Saúde realizado en San José, Costa Rica, en maio de 1987.

A data foi escolhida ao ser precisamente un 28 de maio de 1984, cando 70 activistas de América Latina e o Caribe se reuníron en Tenza, Colombia, para participar na I Reunión Rexional Muller e Saúde, onde acordaron crear a Rede de Saúde das Mulleres de América Latina e o Caribe.

Na IIIª Conferencia sobre Poboación e Desenvolvemento de Nacións Unidas que tivo lugar no Cairo,o movemento internacional de saúde das mulleres logrou que dentro do Programa de Acción desta Conferencia se recoñecese os dereitos reprodutivos como dereitos humanos.

20080522

Mulleres de Negro en Vigo


Con motivo do 24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz, a Marcha Mundial das Mulleres organiza unha conferencia sobre a situación das mulleres nos países en guerra, impartida por Elvira Vázquez e María Huertas, membras da Rede Internacional Feminista e Antimilitarista Mulleres de Negro o venres 23 de maio ás 20h no salón de actos da Sede Fundación Caixa Galicia ( Policarpo Sanz, 21 Vigo).



Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelíes e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflicto bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insumisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centroamérica, Asia e Oceanía.


Elvira Vázquez Martínez é terapeuta corporal e psicopedagoga e María Huertas Zarco, psiquiatra e psicóloga, as dúas son feministas e activistas contra a violencia e a guerra da Rede Internacional de Mulleres de Negro, así como membras do comité de organización do XIV Encontro Internacional de Mulleres de Negro celebrado en agosto do 2007 en Valencia.

20080521

Dia Internacional das Mulheres pola Paz


A Coordenadora Comarcal de Ferrolterra, organiza o sábado 24 de Maio, a proxeçom do filme AS TARTARUGAS TABÉM VOAM. Este filme, que tem a característica de ser protagonizado por crianzas que vivem nos campos de refugiados, mantém entre o realismo, a fiçom e mesmo algumha pincelada cómica, o drama da guerra na mais descarnada das súas olhadas, o futuro negado às crianzas. A pequena protagonista do filme queda atrapada e sem saida numha realidade de violencia patriarcal estrema.
Ao remate da proxeçom invitara-se ás pessoas asistentes a compartilhar as suas reflexons. Será o sábado 24 às 19hs no salom de actos do Ateneo Ferrolán.

20080515

III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres

A III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres celebrouse o pasado domingo 11 de Maio de 2008 no peirao do porto de Bueu (Pontevedra).

Inscritas dez tripulacións, no último momento só participaron oito, por enfermidade dunha remeira de Amegrove e as da vila de Cangas, tiveron problemas “técnicos” que consideramos que máis que técnicos foron machistas, xa que non puideron participar por falta de barco e podrían facelo compartindo barco co dos rapaces; pero ao cambiar en orde a regata e adiantar ás rapazas despois dos xuvenís “non lles daba tempo a cambiar o barco”. De tódolos xeitos, a MMM considerou que tiñan que levar premio por estar ali e querer participar aínda que non puideran facelo.


Destacar tamén, que as remeiras de Cesantes (Redondela) e Coruxo (Vigo) uníronse para poder formar a tripulación dunha traiñeiriña.


A clasificación foi a seguinte:

1º clasificadas (Bandeira de Traiñeiriñas da MMM) :

C.R. Cabo Cruz de Boiro (Boiro)


2º clasificadas:

C.R. Chapela

3º clasificadas:

C.R. Sanmertolomeu de Meira

4º clasificadas:

C.R. Mecos do Grobe


5º clasificadas:

C.R. De Vilaxoán


6º clasificadas:

C.R. O Mar de Bueu


7º clasificadas:

C.R. A Cabana do Ferrol


8º clasificadas:

C.R. Cesantes-Coruxo


9º clasificadas:

C.R. Vila de Cangas


Contamos coa presenza de moitas personalidades, algunhas das cales entregaron os premios como: Carmen Adán (Secretaria Xeral de Igualdade), Marta Souto (Directora Xeral de Deportes da Xunta de Galicia), Mª Xesús López Escudeiro (Delegada de Deportes de Pontevedra), Laura Ogando, Rebeca Gago, Teresa Madaleno (concelleiras de Igualdade, Educación e Servizos respectivamente do concello de Bueu), así como o alcalde e concelleiros do concello de Bueu.


A pesar do mal tempo, foi un día alegre e festivo para as remeiras e o público que estivemos ali en xeral.

20080507

O 11 de Maio de 2008, realizarase a III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres no peirao de Bueu

TRAIÑEIRIÑAS

A Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, continua a súa loita pola igualdade en tódolos aspectos da vida das mulleres, e sigue apostando pola igualdade de participación no remo de banco fixo, (bateis, traiñeiriñas e traiñas), despois de dous anos de loita polo seu recoñecemento oficial. É por isto, que seguimos organizando as regatas de traiñeiriñas.

Na data do 11 de Maio, realizarase a III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres no peirao de Bueu, ás 11.30h, coa participación (ata o momento), dos seguintes clubes:

C.R do Mar Bueu
C.R de Chapela
C.R Samertolameu de Meira
C.R Cabo Cruz de Boiro
C.R A Cabana de Ferrol
C.R Amegrove do Grove
C.R Mecos do Grove
C.R Vilaxoán de Vilagarcía

A presentación de Bandeira e trofeos, será o venres día 9 de Maio ás 12.00h no Concello de Bueu, coa presencia do Alcalde de Bueu, a Concelleira de Igualdade de Bueu, a Secretaria Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, e máis os membros e remeiras do clube do Mar de Bueu, ademáis das representantes da Marcha Mundial das Mulleres.

Rogamos a súa difusión ,asistencia e participación.

NO DEPORTE E NA VIDA , A IGUAL ESFORZO IGUAL RECOÑOCEMENTO

Para calquera aclaración
contactar con Mª Luz
no 986252214 ou 679840679

_________

Enlace co Folleto da MMM:

A DESIGUALDADE DAS MULLERES NO DEPORTE
[III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres - 2008]
_______________________