Mostrando postagens com marcador 8 de Março. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador 8 de Março. Mostrar todas as postagens

20080229

No Día Internacional das Mulleres na Galiza, 8 de marzo de 2008: Nin un paso atrás ! Non podemos perder dereitos

8 DE MARZO, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos

Levamos un longo camiño andado desde que en 1910 se acordaba na Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, celebrada en Copenhague, sinalar o 8 de Marzo como un día de mobilización e loita polos dereitos das mulleres. A nosa sociedade ten avanzado cara onde soñaban as mulleres que viviron a Segunda República, e como nin chegaron a imaxinar as que tiveron que sobrevivir á dictadura franquista. Con todo, sabemos que nos queda moito por camiñar. Tamén sabemos que o que temos conquistado até agora pode sernos arrebatado por intereses políticos, económicos ou relixiosos. Isto é o que sucedeu nas últimas décadas en paises como Afganistam, Iraq, Nicaragua, Exipto, EEUU ou Polonia. Isto é o que pretenden as forzas reaccionarias representadas pola Conferencia Episcopal e a cúpula do Partido Popular.

Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.

Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.

A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta www.feminismo.info

NIN UN PASO ATRÁS! AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS

ACTOS PROGRAMADOS PARA O DÍA 8 DE MARZO

Entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades ás 13 h.

-Pontevedra: Concentración ás 20 h. na Praza 8 de Marzo.

-Vigo: Manifestación ás 12 h. con saída da Praza 8 de Marzo.

-Ourense: Concentración ás 13 h. diante do Xulgado.

-A Coruña: Concentración ás 12 h. na Praza de Catro Camiños.

-Ferrol: Concentración ás 12 h. diante do Xulgado (R/ Coruña).

-Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13 h.
________________

20070309

8 de Março em Ferrol, imagens














































































************************************
Liga co Blog da Coordenadora Local de Ferrol - Terra
************************************

8 de Março 2007 em Ferrol


Queremos no nome da Coordenadora da Marcha Mundial das Mulheres da comarca de Trasancos, agradecer a vossa presença a todas as pessoas que vos achegachedes hoje ate esta praça,para compartir este acto do 8 de Março, dia Internacional das Mulheres.

Podedes observar que achegamos ate aqui múltiples objectos. Uns asociados directamente ao mundo laboral, aos distintos oficios e profesions, outros relacionados co mundo dos coidados, dos afectos e da reproduçom humana.

O primeiro mundo, o laboral, está organizado baixo um sistema global, o capitalismo, que se rige pola acumulaçom de beneficios a costa dumha produçom ilimitada e incetivando o consumo irresponsável e devastador para o planeta.

Este sistema nos coloca às mulheres, case sempre nos trabalhos menos valorados e menos remunerados.Este sistema impom jornadas laborais moi longas.

O mundo dos coidados e da reproduçom humana segue-se considerando maioritariamente, responsabilidade exclusiva das mulheres.Este mundo, o dos coidados e a reproduçom, é minusvalorado e nom se computa em termos económicos, quando é imprescindível para as pessoas.

O feminismo entra en confrontaçom com este modelo de organizaçom do mundo laboral, económico, e o mundo dos coidados e a reproduçom, e nos indica que hai que elexir, ou compartimos ou perpetuamos a discriminaçom das mulheres.

Queremos neste acto reivindicar a necessidade de compartir estes dous mundos, para isso vos pedimos a todas as pessoas que estades hoje aqui, que recolhades obxectos vinculados aos dous mundos e os coloquedes alternando-os dentro do simbolo que temos debuxado no cham.



Antes de fazer a leitura do manifesto da Marcha Mundial das Mulheres na Galiza, queremos mandar um saudo solidário a todas as companheiras da Marcha de America latina que se estam mobilizando este dia contra o passo polos seus paises do Presidente de EEUU, expresando a repulsa à sua política de guerra e destrucçom.

Também queremos manifestar a nossa solidariedade coas companheiras da Coordenadora da Marcha Mundial das Mulheres em Marrocos, que estam levando umha campanha para levantar a condea a morte de tres mulheres iraquies,actualmente em prisom acusadas de crimes contra a seguridade do pais, pedindo a sua libertaçom imediata e o fim da ocupaçom de EEUU de Iraque.

A nossa solidariedade tamém com as 64 pessoas arrestadas em Iram durante a manifestaçom do 8 de Março, en particular a companheira Shala Entesari que se encontra en aillamento.

E queremos fazer extensivo este saudo a todas as mulheres do mundo que se mobilizam hoje,na defensa dos seus direitos por um mundo inspirado nos valores da igualdade,a paz, a justiça, a liberdade e a solidariedade.


As mulheres temos um papel importantíssimo na economia. Realizamos a maioria do trabalho que supom o cuidado e a reproduçom humana. Este trabalho silenciado no ámbito económico, chegaria a representar entre um 15 e um 20% do PIB (Produto Interior Bruto).


O coidado e a reproduçom humana, som a base do resto da produçom económica e permitem, ao nom estar valorado, a acumulaçom e o ganho capitalista. Ademais, outorgando-nos às mulheres a exclusividade nas responsabilidades domésticas, construiu-se a escusa ao longo dos tempos, para contemplar a inclusom das mulheres no mundo laboral como algo temporal ou complementário do seu trabalho natural no fogar.


Esta divison sexual do trabalho, provocou e segue mantendo entre outras cousas, as diferências salariais, a maior presência feminina em setores laborais precarizados e na economia submergida.


Se calculáramos a quantidade de bens e serviços que umha sociedade teria que gerar para cobrir o trabalho da reproduçom e o cuidado humano veríamos que se trata dum trabalho impagável. Compartilhar esse trabalho é a única opçom para que deixe de ser discriminatório para as mulheres.


Trata-se dumha eleiçom simples: compartir ou discriminar. Nom se trata só dumha eleiçom individual que afecta as pessoas que convivem juntas ou tenhem responsabilidades familiares, trata-se dumha eleiçom que abrangue também as estruturas económicas, sociais e políticas.


Elexir entre compartir ou discriminar, significa esquecer a acumulaçom de benefícios e capital a costa de condiçons laborais que nom permitem nem aos homens nem às mulheres, a conciliaçom da vida laboral e familiar. Significa eleger políticas que invistam e afortalem no sector público, redes assistenciais e serviços que ajudem a essa conciliaçom.


Elexir entre compartir ou discriminar significa elexir modelos sociais (educacionais, religiosos, de lecer, afectivos, sexuais, políticos...) de igualdade.


O feminismo coloca assim, a toda a sociedade numha encruzilhada onde só se podem seguir duas direcçons, a do cámbio social que permita compartilhar o trabalho que sustenta a existência da Humanidade, ou o caminho da perpetuaçom da discriminaçom das mulheres, onde a violência e a pobreza, coexistem co gasto sem medida, a ostentaçom e a depredaçom do planeta.


VIVA O 8 DE MARÇO!!! VIVA A LUITA FEMINISTA!!!


************************************
Liga co Blog da Coordenadora Local de Ferrol - Terra
************************************

20070302

Folheto que se vai repartir no Asteleiro Navantia Ferrol

Concentraçom em Ferrol,
o dia 8 de Março, às 20:00 hrs, no Cantom
COMPARTIR OU DISCRIMINAR
Marcha Mundial das Mulheres na Galiza


20070301

Convocatorias para o 8 de marzo de 2007

8 de Marzo de 2007
Día Internacional das Mulleres

ELIXE: COMPARTIR OU DISCRIMINAR

CONVOCATORIAS:

- Cee, ás 20:00 hrs, na Praza 8 de Marzo.

- Compostela, ás 20:00 hrs na Praza 8 de Marzo

- A Coruña, ás 20:30 hrs no Obelisco.

- Ferrol, ás 20:00 hrs, no Cantón.

- Pontevedra, ás 20:30 hrs, na Praza 8 de Marzo.

- Vigo, ás 20:00 hrs, na Praza de Portugal. [Manifestación]

_______________

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

PARA O CAPITALISMO SON IMPRESCINDÍBEIS A PRODUCIÓN E O CONSUMO

PARA AS PERSOAS SON IMPRESCINDÍBEIS OS COIDADOS

PARA CONSEGUIR A IGUALDADE É IMPRESCINDÍBEL COMPARTIR OS COIDADOS

ELIXE: COMPARTIR OU DISCRIMINAR

______

[+ info na web ]

______