Mostrando postagens com marcador Mulher Antimilitarista. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Mulher Antimilitarista. Mostrar todas as postagens

20080522

Mulleres de Negro en Vigo


Con motivo do 24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz, a Marcha Mundial das Mulleres organiza unha conferencia sobre a situación das mulleres nos países en guerra, impartida por Elvira Vázquez e María Huertas, membras da Rede Internacional Feminista e Antimilitarista Mulleres de Negro o venres 23 de maio ás 20h no salón de actos da Sede Fundación Caixa Galicia ( Policarpo Sanz, 21 Vigo).



Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelíes e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflicto bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insumisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centroamérica, Asia e Oceanía.


Elvira Vázquez Martínez é terapeuta corporal e psicopedagoga e María Huertas Zarco, psiquiatra e psicóloga, as dúas son feministas e activistas contra a violencia e a guerra da Rede Internacional de Mulleres de Negro, así como membras do comité de organización do XIV Encontro Internacional de Mulleres de Negro celebrado en agosto do 2007 en Valencia.

20070524

No Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme: Galiza, 24 de maio de 2007

24 DE MAIO: DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ E O DESARME

O Dia Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme celebrase o dia 24 de Maio desde o ano 1982, conmemorando a loita das mulleres británicas contra todo o que representaba a OTAN, contra a instalación de bases militares, e polo fin das guerras e a carreira armamentística.

Os actuais escenarios bélicos mundiais, Afganistán, Iraq, Palestina, Colombia, Sudán, Arxelia, etc., significan un grande reto para toda a poboación, e moi especialmente para as mulleres. No Afganistán fomos as primeiras en dar a voz de alarma sobre as condicións de vida das mulleres afganas, moito antes de que se iniciara o conflicto, e ainda seguimos a facelo. No Iraq unha caravana de mulleres norteamericanas expresaron a sua solidariedade coas mulleres iraquíes, víctimas desta guerra, unímonos á protesta mulleres de todo o mundo. A denuncia dos conflitos bélicos é unha constante no movimento feminista, visibilizando o que supoñen para a vida de milleiros de persoas, donde unha vez mais, as mulleres somos as mais perxudicadas, e asinalando os verdadeiros motivos das guerras, que foron e seguen a ser fundamentalmente económicos, e polos que se fan desaparecer pobos, se ocupan territorios ou se esquilman os seus recursos.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres da Galiza queremos destacar a importancia desta data para continuar traballando por unha sociedade antimilitarista, pois pensamos que o militarismo vai mais aló dos exércitos e as guerras, ainda que estas sexan a sua máxima expresión. Nós berramos un ano máis ¡Non ás guerras!, coa forza de quen pode parar un exército, e ainda conscientes de que non é tan sinxelo non por iso deixaremos de camiñar xuntas na procura dun mundo onde guerras e exércitos non teñan sitio.

Galiza, 24 de Maio de 2007