Desde este sítio "FALAMOS ENTRE NÓS ?" que estrenamos agora, aguardamos que podamos debater a proposta e que todas nós contribuiamos a milhorá-la, com propostas, comentários e reflexons.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A violencia de xénero na Galiza, nas súas múltiples expresións, provoca cada ano miles de vítimas, como así o reflicte o número de denuncias que se presentaron, e, nalgúns casos, con resultado de morte. Até o momento non existe ningún estudo o suficientemente rigoroso que nos permita unha visión completa desta realidade, mais si podemos afirmar que se reproduce no tempo, ten causas que deveñen da discriminación e da opresión das mulleres na sociedade patriarcal e existen medidas preventivas, de atención as vítimas e cambios nas estruturas sociais que permiten diminuír e paliar os efectos desta violencia no camiño da súa completa erradicación. Á situación de violencia que viven moitas cidadás no noso país, temos que sumar en moitos casos unha situación de pobreza, moitas veces provocada pola situación de malos tratos ou de ruptura das relacións de convivencia. Asistimos así no noso país un aumento da feminización da pobreza e tamén unha maior vulnerabilidade das mulleres e das súas crianzas, en situación de pobreza, ante a violencia de xénero.
Esta lei propón, se temos en conta as competencias das institucións autonómicas da Galiza, unha serie de medidas preventivas en distintos ámbitos onde se perpetúa ou xustifica a violencia de xénero. No ámbito educativo proponse unha nova figura no organigrama escolar, con plenas competencias para desenvolver os obxectivos da Educación para a Igualdade. A formación do persoal docente é básica para conseguir estes obxectivos. A publicidade e os medios de comunicación teñen unha importancia relevante na nosa sociedade. Esta lei pretende incluír na Comisión da publicidade na Galiza e na Compañía de Radio-Televisión de Galiza, aqueles axentes sociais destacados na loita contra o sexismo.
A loita contra a pobreza preséntase como unha medida preventiva na loita contra a violencia na nosa sociedade, ademais de preservar as mulleres que sofren máis intensamente os efectos desta violencia, da dupla vitimización. Ao facermos universais as medidas contra a pobreza realizamos unha maior cobertura na prevención de situacións de violencia dentro das unidades de convivencia e facemos, así mesmo, menos vulnerábeis as mulleres pobres para sufrir este tipo de violencia dentro do mercado laboral. A implantación do salario social e o Fondo de garantía no pagamento de alimentos, perseguen estes obxectivos.
As administracións non están exentas de responsabilidade ante a perpetuación da violencia de xénero. Esta lei propón algunhas medidas ao respecto, como son, a obrigatoriedade dos Estudos de xénero diante das medidas que tomen e a utilización dunha linguaxe non sexista. Ademais corresponde tamén ás administracións un compromiso para promoveren eses mesmos cambios de actitude na sociedade; para iso proponse o desenvolvemento dun Plano de renovación dos valores de igualdade no tecido asociativo.
Os cambios que propón esta lei en materia de atención as vítimas de violencia na Galiza parten do suposto que unha realidade que afecta de xeito tan preocupante a moitas das nosas cidadás e ás súas familias, non pode quedar en mans de entidades con fins lucrativos. Os recursos de que se dotar a nosa comunidade deben ser servizos públicos, co suficiente orzamento e coas equipas dotadas convenientemente para desenvolveren programas de atención integral. A coordinación co Servizo Galego de Saúde e co poder xudicial debe estar asegurada.
A sociedade galega debe dotarse, ou mellorar no caso dos existentes, daqueles organismos que especificamente traballaren para planear e asegurar as políticas de igualdade. Esta lei propón a obrigatoriedade para os gobernos galegos da creación da Consellaría da Muller e a reforma do Servizo Galego de Igualdade. Estas políticas de igualdade deben realizarse partindo da contribución e da participación da cidadanía a través dos canles estabelecidos no ordenamento autonómico, mais esta lei propón abrir un camiño cara á democracia participativa en que se inclúa unha reforma da Comisión Autonómica da Muller, para convertela, a través da representación dos consellos municipais da muller, nun organismo representativo do movemento de mulleres na Galiza e un interlocutor dinámico na participación da elaboración e da execución das políticas de igualdade.
As mulleres con discapacidades e as mulleres en réxime carcerario encontran no noso país verdadeiras barreiras físicas e sociais para a súa integración e o seu pleno desenvolvemento como cidadás. Estas mulleres padecen como todas as demais a violencia de xénero. As disposicións adicionais instan ás institucións a aseguraren os beneficios desta lei.
O texto do borrador de Lei podes atopa-lo em:
http://www.feminismo.info/marcha/ll/lei_galega_min.htm
Nenhum comentário:
Postar um comentário