20080824

Nova Web da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza e VII Encontro Internacional

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza estrea nova web.

Na Coordenadora Nacional da Marcha decidimos cambiar o deseño e formato da web e unificar toda a información e documentación que íamos deixando en diferentes blogs, polo que desde agora este blog non se vai seguir actualizando.

A información oficial da Marcha, só estará dispoñibel na súa páxina web:

http://www.feminismo.info

______

VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres
Do 14 ao 21 de Outubro de 2008
Vigo - Galiza 2008




___________________________

20080529

Videofórum: "Grbavica: o segredo de Esma"

A Marcha Mundial das Mulleres organizou un videofórum, con bastante asistencia de público, o pasado mércores 28 de Maio ás 20h na Casa das Mulleres en Vigo proxectando o filme "Grbavica: o segredo de Esma" (2005) da directora bosnia Jasmila Znabic, como actividade final polo pasado 24 de Maio Día Internacional das Mulleres pola Paz.

A través do filme, coñecemos a historia dunha nai e a súa filla que viven as consecuencias da guerra nun barrio de Saraxevo chamado Grbavica. En palabras da directora: "Grbavica é sobre todo unha historia de AMOR. Un amor impuro porque está mesturado co odio, o noxo, o trauma, a desesperación. Tamén fala desas VÍCTIMAS que, a pesar de non ter cometido ningún crime, non son de todo inocentes aos ollos das novas xeracións. Ademáis, fala da VERDADE, un poder cósmico sen o que non hai progreso, algo tan necesario para unha sociedade como a de Bosnia-Herzegovina que se esforza por alcanzar a madurez". Grbavica é a súa primeira longametraxe e gañou o Oso de Ouro no festival de Berlín no 2006.

20080525

Dia Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres


A Coordenadora Comarcal de A Coruña organiza ao redor da celebración da Xornada Internacional de Acción pola Saúde das Mulheres todo un ciclo de conferencias, videoforuns e coloquios que centram a sua olhada no dereito ao aborto. Celebraránse os días 19, 21, 26 e 28 de Maio ás 19:30 horas na Casa Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12 A Coruña).

A historia do Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres tivo a súa orixe no Vº Encontro Internacional de Muller e Saúde realizado en San José, Costa Rica, en maio de 1987.

A data foi escolhida ao ser precisamente un 28 de maio de 1984, cando 70 activistas de América Latina e o Caribe se reuníron en Tenza, Colombia, para participar na I Reunión Rexional Muller e Saúde, onde acordaron crear a Rede de Saúde das Mulleres de América Latina e o Caribe.

Na IIIª Conferencia sobre Poboación e Desenvolvemento de Nacións Unidas que tivo lugar no Cairo,o movemento internacional de saúde das mulleres logrou que dentro do Programa de Acción desta Conferencia se recoñecese os dereitos reprodutivos como dereitos humanos.

20080522

Mulleres de Negro en Vigo


Con motivo do 24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz, a Marcha Mundial das Mulleres organiza unha conferencia sobre a situación das mulleres nos países en guerra, impartida por Elvira Vázquez e María Huertas, membras da Rede Internacional Feminista e Antimilitarista Mulleres de Negro o venres 23 de maio ás 20h no salón de actos da Sede Fundación Caixa Galicia ( Policarpo Sanz, 21 Vigo).



Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelíes e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflicto bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insumisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centroamérica, Asia e Oceanía.


Elvira Vázquez Martínez é terapeuta corporal e psicopedagoga e María Huertas Zarco, psiquiatra e psicóloga, as dúas son feministas e activistas contra a violencia e a guerra da Rede Internacional de Mulleres de Negro, así como membras do comité de organización do XIV Encontro Internacional de Mulleres de Negro celebrado en agosto do 2007 en Valencia.

20080521

Dia Internacional das Mulheres pola Paz


A Coordenadora Comarcal de Ferrolterra, organiza o sábado 24 de Maio, a proxeçom do filme AS TARTARUGAS TABÉM VOAM. Este filme, que tem a característica de ser protagonizado por crianzas que vivem nos campos de refugiados, mantém entre o realismo, a fiçom e mesmo algumha pincelada cómica, o drama da guerra na mais descarnada das súas olhadas, o futuro negado às crianzas. A pequena protagonista do filme queda atrapada e sem saida numha realidade de violencia patriarcal estrema.
Ao remate da proxeçom invitara-se ás pessoas asistentes a compartilhar as suas reflexons. Será o sábado 24 às 19hs no salom de actos do Ateneo Ferrolán.

20080515

III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres

A III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres celebrouse o pasado domingo 11 de Maio de 2008 no peirao do porto de Bueu (Pontevedra).

Inscritas dez tripulacións, no último momento só participaron oito, por enfermidade dunha remeira de Amegrove e as da vila de Cangas, tiveron problemas “técnicos” que consideramos que máis que técnicos foron machistas, xa que non puideron participar por falta de barco e podrían facelo compartindo barco co dos rapaces; pero ao cambiar en orde a regata e adiantar ás rapazas despois dos xuvenís “non lles daba tempo a cambiar o barco”. De tódolos xeitos, a MMM considerou que tiñan que levar premio por estar ali e querer participar aínda que non puideran facelo.


Destacar tamén, que as remeiras de Cesantes (Redondela) e Coruxo (Vigo) uníronse para poder formar a tripulación dunha traiñeiriña.


A clasificación foi a seguinte:

1º clasificadas (Bandeira de Traiñeiriñas da MMM) :

C.R. Cabo Cruz de Boiro (Boiro)


2º clasificadas:

C.R. Chapela

3º clasificadas:

C.R. Sanmertolomeu de Meira

4º clasificadas:

C.R. Mecos do Grobe


5º clasificadas:

C.R. De Vilaxoán


6º clasificadas:

C.R. O Mar de Bueu


7º clasificadas:

C.R. A Cabana do Ferrol


8º clasificadas:

C.R. Cesantes-Coruxo


9º clasificadas:

C.R. Vila de Cangas


Contamos coa presenza de moitas personalidades, algunhas das cales entregaron os premios como: Carmen Adán (Secretaria Xeral de Igualdade), Marta Souto (Directora Xeral de Deportes da Xunta de Galicia), Mª Xesús López Escudeiro (Delegada de Deportes de Pontevedra), Laura Ogando, Rebeca Gago, Teresa Madaleno (concelleiras de Igualdade, Educación e Servizos respectivamente do concello de Bueu), así como o alcalde e concelleiros do concello de Bueu.


A pesar do mal tempo, foi un día alegre e festivo para as remeiras e o público que estivemos ali en xeral.

20080507

O 11 de Maio de 2008, realizarase a III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres no peirao de Bueu

TRAIÑEIRIÑAS

A Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, continua a súa loita pola igualdade en tódolos aspectos da vida das mulleres, e sigue apostando pola igualdade de participación no remo de banco fixo, (bateis, traiñeiriñas e traiñas), despois de dous anos de loita polo seu recoñecemento oficial. É por isto, que seguimos organizando as regatas de traiñeiriñas.

Na data do 11 de Maio, realizarase a III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres no peirao de Bueu, ás 11.30h, coa participación (ata o momento), dos seguintes clubes:

C.R do Mar Bueu
C.R de Chapela
C.R Samertolameu de Meira
C.R Cabo Cruz de Boiro
C.R A Cabana de Ferrol
C.R Amegrove do Grove
C.R Mecos do Grove
C.R Vilaxoán de Vilagarcía

A presentación de Bandeira e trofeos, será o venres día 9 de Maio ás 12.00h no Concello de Bueu, coa presencia do Alcalde de Bueu, a Concelleira de Igualdade de Bueu, a Secretaria Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, e máis os membros e remeiras do clube do Mar de Bueu, ademáis das representantes da Marcha Mundial das Mulleres.

Rogamos a súa difusión ,asistencia e participación.

NO DEPORTE E NA VIDA , A IGUAL ESFORZO IGUAL RECOÑOCEMENTO

Para calquera aclaración
contactar con Mª Luz
no 986252214 ou 679840679

_________

Enlace co Folleto da MMM:

A DESIGUALDADE DAS MULLERES NO DEPORTE
[III Bandeira de Traiñeiriñas da Marcha Mundial das Mulleres - 2008]
_______________________

20080424

Dereitos sexuais e reproductivos das mulleres durante a República

A Marcha Mundial das Mulleres organizou o pasado xoves 17 de abril ás 19:30h na Casa das Mulleres (Romil nº20) en Vigo, unha charla sobre os Dereitos Sexuais e Reproductivos das mulleres durante a República impartida por Lola Ferreiro Díaz.

Lola é catedrática de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade de Compostela e licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Compostela con doutoramento en saúde mental e delincuencia en adolescentes.É membra do Grupo Lúa Crecente, de estudos e deseño de programas de Educación para a Saúde dende a perspectiva de xénero e ten unha ampla obra publicada sobre: psiquiatría, violencia de xénero, coeducación afectivo-emocional e sexual, etc. e ten colaborado como docente en diversos programas e actividades de formación.

20080329

Entrega de Autoinculpacións en Compostela

A Coordenadora Local de Compostela, da Marcha Mundial das Mulleres, convoca unha Concentración nos Xulgados de Compostela en Fontiñas, o luns 31 de Marzo, ás 19:00 horas, para facer entrega das Autoinculpacións.

. DECLARO ter interrompido voluntariamente o meu embarazo de forma consciente e responsábel

. DENUNCIO a persecución á que se está a someter ás mulleres e ESIXO que o dereito a abortar se garanta na Rede Sanitaria Pública

. DECLARO ter acompañado a unha muller a interromper voluntariamente o seu embarazo

Enlace de interese:

A Marcha Mundial das Mulleres diante do intento de recorte do Direito ao Aborto
__________

Xuntanza Constitutiva do Consello do Foro Social Galego: 29 de Marzo

Atendendo ao compromiso adquirido o 26 de xaneiro no Día de Mobilización e Acción Global en Compostela enviamos a seguinte convocatoria:


XUNTANZA CONSTITUÍNTE DO CONSELLO DO FORO SOCIAL GALEGO (FSGalego)

Son convocadas as organizacións e persoas a título individual que o 26 de xaneiro manifestaron querer formar parte do dito consello dinamizador-organizador. A xuntanza terá pois carácter de "constituínte" do mencionado Consello.

Data: sábado 29 de marzo ás 10:30 horas mañá
Lugar: Centro Sociocultural de Fontiñas (rúa Berlín, polígono das Fontiñas, preto de Area Central) en Compostela

Orde do Día:
  1. Constitución do Consello Dinamizador do FSGalego
  2. Congruencia da composición do Consello á Carta de Principios do Fórum Social Mundial
  3. Consulta Carta de princípios:
    http://altermundo.org/portal/content/view/1110/374/
  4. Definición e obxectivos do FSGalego (formato, funcións, etc.)
  5. Plan de traballo para organizar o FSGal:
  • Data e lugar de celebración
  • Financiamento
  • Comunicación
  • Modelo organizativo
  • Eixes temáticos
Enviar suxestións sobre esta proposta a info@altermundo.org
_______________

Mesa redonda, na Casa das Mulleres de Vigo, sobre a situación actual do dereito ao aborto

A Marcha Mundial das Mulleres presenta o próximo xoves 3 de abril ás 20h na Casa das Mulleres unha mesa redonda sobre a situación actual do dereito ao aborto dentro da temática do mes de abril sobre Dereitos Sexuais e Reproductivos que se levará a cabo na Casa das Mulleres (R/ Romil nº20).

Intervirán como poñentes: Eugenia .......(traballadora social do Centro de Orientación Familiar de Vigo), Isabel Blanco (xinecóloga do Complexo Hospitalario Xeral- Cíes de Vigo), Isabel Barbero (avogada) e Vitoria Iglesias Molares (como representante do movemento feminista e presidenta da Marcha Mundial das Mulleres), que pola súas traxectorias profesionais e experiencia aportarán información e asesoramento sobre o mesmo.

Aproveitamos a ocasión para anunciarvos que durante o mes tamén haberá máis actividades como : cinefórum, charlas relacionadas coa educación sexual, o papel da muller na República e un curso básico sobre feminismo para persoal das vogalías da muller.

Agradecemos a súa máxima difusión e asistencia.

Un saúdo!
_______________

20080308

Pese as prohibicións as mulleres estivemos na rua este 8 de de Marzo de 2008

Pese as prohibicións gubernamentais, as mulleres, na Galiza, estivemos na rúa este 8 de Marzo. Non podíamos quedar na casa e caladas, non nos podían silenciar, sobre todo no día internacional da nosa loita, no dia internacional das mulleres. Querían condernarnos ao obstracismo, o PP con ameazas e o goberno con prohibicións concretas a través das súa Delegación de Goberno. Pese as prohibición con inxenio e constancia somos visibles este 8 de Marzo.

As mulleres mobilizamonos en todo o mundo, na maioria dos casos en "liberdade", mais noutros casos coa ameaza de cárcere e porradas nas nosas costas, noutros casos no medio dunha guerra, exclavizadas, violadas, vendidas, empobrecidas, silenciadas invisibles, ...

Pola mañá xa tiveron lugar varias mobilización con importante suceso, pola tarde continuaran as mobilizacións noutras cidades da Galiza e as Feiras e Festas Feministas.

Na medida en que teñamos información a iremos publicando neste sitio.


FERROL:

Hoxe pola maña ás 12 do mediodía tivo lugar a concentración diante do Edificio dos Xulgados, na rúa Coruña, 100 persoas acudiron á convocatoria da Marcha, onde logo dunha intervención, tres representantes fixeron entrega de 403 autoinculpacións no xulgado de garda. Pola tarde ás 6, está previsto que dé comezo a Feira Feminista, no barrio da Gándara de Narón.

Audio da intervención na Concentración en Ferrol [08.03.2008]
Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

Galería Fotográfica da Concentración e entrega de Autoinculpacións en Ferrol o 8 de Marzo de 2008


Galería Fotográfica da 1ª Feira Feminista de Ferrol Terra - A Gándara - Narón 8 de Marzo de 2008


VIGO:

Até 400 persoas participaron na marcha até o Edificio dos Xulgados onde se presentaron 374 autoinculpacións.

Galería Fotográfica do 8 de Marzo de 2008 en Vigo. Mobilización convocada pola Coordenadora Local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres
[08.03.2008]


PONTEVEDRA:

En poucos minutos publicaremos a información

OURENSE:

En poucos minutos publicaremos a información

COMPOSTELA:

En poucos minutos publicaremos a información

A CORUÑA:

En poucos minutos publicaremos a información
____________

Enlace co Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, para este 8 de Marzo de 2008

Enlace co Comunicado Internacional

______________
Enlaces relacionados:

A Marcha Mundial das Mulleres diante da prohibición das manifestacións do 8 de Marzo, por parte da Delegación do Goberno Español en Galiza e variación dalgunhas convocatorias

O 8 de Marzo na Galiza, segundo algúns medios de comunicación:

Enlace co Blog "A Marcha nos Medios"
_____________

20080307

A Marcha Mundial das Mulleres diante da prohibición das manifestacións do 8 de marzo, por parte da Delegación do Goberno Español en Galiza

A Marcha Mundial das Mulleres diante da prohibición das manifestacións do 8 de Marzo, por parte da Delegación do Goberno Español en Galiza e variación dalgunhas convocatorias

Este 8 de Marzo seremos visibles en toda Galiza, desafiando as imposicións e recortes de dereitos con imaxinación e firmeza, ni un paso atrás na defensa dos nosos dereitos.

Este 8 de Marzo estaremos na rúa.

Ante a prohibición da Delegación do Goberno en Galiza das manifestacións convocadas para o día 8 de Marzo “Día Internacional das Mulleres” facemos de todas o posicionamento das compañeiras de Vigo:

1º) A falla de sensibilidade do goberno ao convocar as eleccións o día 9 de marzo, deixando o día 8 “Dia Internacional das Mulleres” invisivibilizado pola convocatoria electoral. Unha vez máis os intereses que prevalecen non son os das mulleres.

2º) Queremos denunciar a actitude cobarde da subdelegación do goberno que a pesar de ter coñecemento da convocatoria da manifestación desde o día 13 de febreiro non se atreveu a prohibila ata onte, día 5 de marzo -amparándose nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid-

3ª) A Marcha Mundial das Mulleres non considera que a manifestación do 8 de Marzo, unha manifestación histórica, que se realiza en todo o mundo na mesma data, e que as organizacións de Galiza vimos convocando desde hai máis de 30 anos, sexa un acto de campaña electoral (acto que estaría prohibido polo artigo 53 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral), senón un xeito máis de autoafirmarnos e reivindicar a igualdade de dereitos e de trato para as mulleres.

4º) O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, no se que se basea a Subdelegación do Goberno para prohibir a manifestación, admite que “a manifestación convocada non ten finalidade electoral algunha” .

5ª) A prohibición basease en que a finalidade da xornada de reflexión é a de contribuir a unha formación de vontade libre de quen vai exercer o seu dereito de sufraxio activo ao día seguinte, sen mensaxes nin xestos que directa ou indirectamente poidan rachar esa neutralidade, e non todos os partidos políticos comparte os mesmos postulados respecto ás reivindicacións da muller.

Se aceptamos que a manifestación do 8 de marzo pode supor unha ameaza para esa neutralidade:

Non é unha ameaza para esa neutralidade a realización de actos nese fin de semana convocados por unha organización que se ten manifestado diante das eleccións orientando o voto dos seus afiliados? Non, non estamos falando o movimento feminista senón da igrexa católica, que a través da conferencia episcopal emitiu un comunicado orientando o voto das persoas católicas e que durante os vindeiros días, sábado (día de reflexión) e domingo (día das votacións) ten previsto a realización de varios actos en cada parroquia. Están eles libres da tenue barreira que separa o político do social?

Non é unha ameaza para esa neutralidade o acto convocado pola Deputación de Pontevedra para o sábado pola mañan? ¿Ou a carreira convocada na Comunidade de Madrid por Esperanza Aguirre?-



VIGO:

As Compañeiras de Vigo enviaron unha nota de prensa denunciando a imposición da prohibición, desconvocando a manifestación e facendo un chamamento á mobilización:
  • DESCONVOCAMOS –POR IMPERATIVO LEGAL- A MANIFESTACIÓN CONVOCADA PARA O DÍA 8 DE MARZO.

  • CHAMAMOS A TODAS AS MULLERES A PARTICIPAR NA FESTA QUE SE REALIZARÁ O SÁBADO DIA 8 DE MARZO, NA PRAZA 8 DE MARZO (NA RÚA CAMELIAS) A PARTIR DAS 11 DA MAÑÁ E A ENTREGA DE AUTOINCULPACIÓNS NO XULGADO ÁS 13 HRS.
Enlaces:
COMPOSTELA:

En Compostela chegounos unha nota variando a convocatoria:

Queda desconvocada a entrega de autoinculpacións no xulgado, mais, este sábado, convocan na Praza 8 de Marzo [Porta do Camiño], ás 8 da Tarde, onde haberá Teatro e unha Concentración.


FERROL TERRA:

En Ferrol, continuan as convocatorias das 12 do mediodía diante do xulgado para entregar autoinculpacións e a Feira Feminista das 6 da tarde na Gándara.

Enlace:


OURENSE:

En Ourense recurriron a prohibición das mobilizacións:

Prezadas compañeiras: Finalmente chegou a notificación da Subdelegación do Goberno en Ourense. Remitimos o seguinte recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e a Subdelegación. Igualmente remitímolo a todos os medios de comunicación con data de hoxe, mantendo a entrega de autoinculpacións e mudando a concentración por unha festa-encontro de mulleres.

Apertas e ánimo nos actos de 8M. Que non apaguen a nosa voz!
Eva Salgado
  • DESCONVOCAMOS –POR IMPERATIVO LEGAL- A CONCENTRACIÓN CONVOCADA PARA O DÍA 8 DE MARZO.

  • CHAMAMOS A TODAS AS MULLERES A PARTICIPAR NA FESTA-ENCONTRO DE MULLERES QUE SE REALIZARÁ O SÁBADO DIA 8 DE MARZO, NA PRAZA DE CONCEPCIÓN ARENAL A PARTIR DAS 13 HRS DA MAÑÁ E A ENTREGA DE AUTOINCULPACIÓNS NO XULGADO Á MESMA HORA.
Enlace:


PONTEVEDRA:

Segundo algún medio de comunicación:

"Aínda que na Cidade do Lérez si que se suspendeu o acto programado para non "desobedecer" a orde da Delegación do Goberno, Álvarez reivindicou o dereito das mulleres "a saír á rúa e non quedar caladas na casa". A Marcha en Pontevedra non renunciará a colocar "símbolos feministas" na mesma data e lugar onde estaba convocada a manifestación: a Praza 8 de marzo."

" Os actos organizados en Pontevedra, co lema Nin un paso atrás, non podemos perder dereitos!, completaríanse coa presentación doutras 200 autoinculpacións de mulleres por abortar. Este acto non foi cancelado."


A CORUÑA:

Polo de agora segue convocada a concentración, o sábado 8 de marzo, ás 12 do mediodía na Praza de Catro Camiños.


Novas en Varios Xornais Dixitais:

Outras Notas recebidas:
________________

20080303

Actos convocados pola Coordenadora Comarcal en Ferrolterra

A Coordenadora Comarcal da Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, convoca actos neste sábado 8 de Marzo, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES, aos que convida a participar a toda a cidadanía baixo o lema NIN UN PASO ATRAS, AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS!

Ás doce do mediodia, nos xulgados da Rua Coruña da cidade de Ferrol, celebraráse unha concentración e entrega de autoinculpacións en solidariedade coas mulleres enxuiciadas por aborto en Madrid, e para pedir unha nova lei do aborto.

De seis da tarde a nove da noite, no Pavillón da Mocidade de Narón, no barrio da Gańdara do concello de Narón, celebraráse unha feira feminista, na que se contará con exposición de libros, arte, artesania, mostra de colectivos, actuacións musicais, recital poético.....
Mais información en www.feminismo.info ou no telefono 671695968

20080229

No Día Internacional das Mulleres na Galiza, 8 de marzo de 2008: Nin un paso atrás ! Non podemos perder dereitos

8 DE MARZO, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos

Levamos un longo camiño andado desde que en 1910 se acordaba na Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, celebrada en Copenhague, sinalar o 8 de Marzo como un día de mobilización e loita polos dereitos das mulleres. A nosa sociedade ten avanzado cara onde soñaban as mulleres que viviron a Segunda República, e como nin chegaron a imaxinar as que tiveron que sobrevivir á dictadura franquista. Con todo, sabemos que nos queda moito por camiñar. Tamén sabemos que o que temos conquistado até agora pode sernos arrebatado por intereses políticos, económicos ou relixiosos. Isto é o que sucedeu nas últimas décadas en paises como Afganistam, Iraq, Nicaragua, Exipto, EEUU ou Polonia. Isto é o que pretenden as forzas reaccionarias representadas pola Conferencia Episcopal e a cúpula do Partido Popular.

Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.

Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.

A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta www.feminismo.info

NIN UN PASO ATRÁS! AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS

ACTOS PROGRAMADOS PARA O DÍA 8 DE MARZO

Entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades ás 13 h.

-Pontevedra: Concentración ás 20 h. na Praza 8 de Marzo.

-Vigo: Manifestación ás 12 h. con saída da Praza 8 de Marzo.

-Ourense: Concentración ás 13 h. diante do Xulgado.

-A Coruña: Concentración ás 12 h. na Praza de Catro Camiños.

-Ferrol: Concentración ás 12 h. diante do Xulgado (R/ Coruña).

-Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13 h.
________________

20080221

Nota enviada aos medios de comunicación pola Coordenadora Local de Ourense


A MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES EN OURENSE, CON MOTIVO DA SIGNIFICADA DATA DO 8 DE MARZO, E AO FÍO DOS ATAQUES OCURRIDOS NOS ÚLTIMOS MESES CONTRA A INTIMIDADE E O DEREITO DAS MULLERES AO ABORTO, ASÍ COMO CARA AS E OS PROFESIONAIS QUE OS PRACTICAN, QUERE PROPICIAR O DEBATE SOBRE ESTE TEMA NA NOSA SOCIEDADE E FACER O SEGUINTE MANIFESTO:

Na lexislación do Estado Español o aborto é un delito recollido no Código Penal, que no ano 1985 se ve despenalizado parcialmente (Reforma do Artº 417 bis do C.P. por L.O. 9/1985, de 5 de Xullo) só en tres supostos: Terapéutico (perigo para a saúde física ou psíquica da nai, sen límite de prazo xestacional), Euxenésico (afectación do feto até as 22 semanas de xestación) e Ético (violación denunciada até as 12 semanas de xestación).

No transcurso destos 22 anos de despenalización parcial do delito propiciáronse diferentes consecuencias sociais con implicación directa na vida das mulleres :
Aumentaron progresiamente as actitudes sociais e persoais positivas a favor da interrupción voluntaria da xestación.
Esta maior permisibidade social propiciou, a partir de 1985, o nacemento de tres clínicas privadas acreditadas legalmente en Galiza para a Interrupción da xestación. Realizan todos os abortos até as 12 semanas de xestación baixo o suposto terapéutico de perigo para a saúde psíquica da nai, contando para isto con psiquiátras próprios pagados para a realización de informes con esta indicación. Isto da lugar a que todas as mulleres con capacidade económica para sufragar os gastos poidan interrumpir unha xestación non desexada, e ante esta posibilidade aumente o número de mulleres que demanda este dereito.
Pola contra, no sistema público de saúde, existen e persisten até o de agora dificuldades importantes realizándose un número moi baixo de interrupcións debido á Obxección de conciencia d@s profesionais sanitarios, tanto para a certificación das indicacions por parte d@s especialistas como para a realización dos mesmos dentro dos hospitais.

A pesar destas dificultades no ámbito público, un gran número de mulleres pode solucionar o seu problema no ámbito privado, co que os grupos de presión social que tradicionalmente viñan reivindicando a promulgación dunha Lei de aborto baseada en prazos dentro da sanidade pública como un dereito da saúde sexual e reproductiva das mulleres, afogaran as súas voces.

Mais hoxe, igual que hai 22 anos, froito dunha lexislación restritiva e penalizadora, persisten os problemas que limitan a liberdade individual das mulleres para acceder ao aborto. Por tanto, é preciso pór de manifesto:

O aborto non é unha prestación universal por dereito: As mulleres con menor capacidade económica, sobre quen recaen maiores consecuencias sociais desfavorábels polo feito de ter un fillo/a, son as que teñen maior dificuldade para acceder a esta prestación ao realizarse o 95% dos abortos na privada.
Existe unha dobre bara de medir: Todas as mulleres con embarazos non desexados sofren afectación psíquica segundo as e os especialistas en psiquiatría das clínicas privadas, pero non lles ocurre así se a valoración da indicación é de psiquiátras alleos a estas clínicas.
Non existe unha regulación da obxección de conciencia, basta con que @s diferentes profesionais digan que non queren colaborar en nada relativo ao aborto, por conflictos éticos ou simplemente por non significarse dentro do colectivo profesional que mantén prexuizos neste tema. Isto trae como consecuencia que haxa profesionais contratados para traballar en Planificación Familiar que non queran asesorar sobre aborto, ou que existan hospitais públicos onde nengún/nengunha profesional garantice o dereito ao aborto a mulleres que xa obtiveron os difíciles informes de indicación legal pertinentes.
Nos últimos tempos, co acceso dos partidos de esquerdas galegos ao goberno da Xunta de Galiza, intentouse subsanar algúns dos erros do pasado sen modificar a lexislación, o que lonxe de contribuír á universalización do dereito, o que fixo foi acentúar máis a desigualdade de trato dependendo da zona xeográfica de residencia da muller. Por exemplo, para subsanar o problema da Coruña onde nengún profesional da sanidade pública estaba disposto a realizar abortos, a Inspección sanitaria desta provincia autoriza e paga todas as interrupcións do embarazo nunha clínica privada da cidade.
Así pois, absolutamente a todas as mulleres da Coruña, que non as do resto de Galiza, se lles garantiza o dereito ao aborto. Só teñen que acudir á clínica privada onde a/o psiquiatra da mesma lles emite o informe de indicación que despois paga a Seguridade Social.
E por último, a inconcreción da lexislación actual, entre outras moitas irregularidades, propicia a indefensión legal das e dos profesionais que realizan abortos e a gravísima intromisión na intimidade das mulleres a que estamos asistindo nos últimos meses.

Pasados 22 anos da despenalización parcial, é preciso reflexionar sobre o aborto. A sociedade evolucionou cara actitudes máis favorábels que permiten sen risco de enfrentamentos garantir este dereito de saúde das mulleres si existe vontade política.

É por isto, polo que neste 8 de Marzo de 2008, a igual que fixemos en 1985, as mulleres da MARCHA MUNDIAL queremos facer rexurdir a conciencia da cidadanía, para novamente esixir aos gobernos de esquerdas que cumpran coa súa obriga ideolóxica de universalizar a prestación da interrupción legal da xestación a todas as cidadás en igualdade de condicións, solicitando ao Parlamento Español a elaboración e aprobación dunha verdadeira Lei do aborto baseada en prazos, que deixe de ser un delito recollido no Código Penal, que se garantice a súa realización con cargo á Seguridade Social e que se regule a obxección de conciencia d@s profesionais.

20080123

Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres para as concentracións do 23X


Hai case 30 anos o xuízo a 11 mulleres de Basauri por ter abortado iniciou unha longa campaña do movemento feminista polo dereito ao aborto.

Dimos pasos moi ousados nos que desafiabamos aberta e descaradamente a legalidade vixente, nunha campaña sostida ao longo de varios anos: dicindo que dabamos enderezos e información para abortar, autoinculpándonos de ter abortado, ou ter colaborado na realización de abortos, ou mesmo por realizalos. como xeito de loita, para poñer entre a espada e a parede ao poder xudicial e ao poder executivo.

Non se atreveron a xulgarnos (aínda que se abriron dilixencias a 8 militantes feministas que afirmaron a autoría material dun aborto practicado na cidade de Vigo e que así o testemuñaron diante do xuíz que as chamou a declarar no mes de setembro do ano 86).
Hoxe, tantos anos despois, as actuacións xudiciais que levaron á garda civil a entrar na casa das mulleres para citalas a declarar por ter abortado, ten xerado unha situación de indignación que nos retrotrae a épocas pasadas.

Ante todo queremos manifestar o noso total apoio e solidariedade con estas mulleres.
A persecución que sufriron é un ataque a todas e unha ameaza ao dereito de decidir, polo que desde a Marcha Mundial das Mulleres iniciamos unha campaña de autoinculpacións que entregaremos no xulgado o 8 de marzo.

ESIXIMOS AO GOBERNO E AOS PARTIDOS POLÍTICOS UN COMPROMISO CLARO E DECIDIDO PARA MODIFICAR A ACTUAL DESPENALIZACIÓN PARCIAL DO ABORTO, ACABANDO COA INSEGURIDADE XURÍDICA QUE XENERA.

ESIXIMOS QUE A NOVA NORMATIVA GARANTA E RESPECTE O DEREITO DAS MULLERES A INTERRUMPIR VOLUNTARIAMENTE O SEU EMBARAZO, ASEGURANDO QUE ESTAS INTERRUPCIÓNS SE FAGAN DE FORMA NORMALIZADA NA REDE SANITARIA PÚBLICA:

ABORTO LIBRE E GRATUITO NA SANIDADE PÚBLICA
_____________

20080119

A Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións polo dereito ao aborto.


Diante das agresións e vulneracións de dereitos que veñen sucedendose nas últimas semanas, e que están afectando tanto a mulleres que interrumpiron o embarazo, como ao persoal que traballa nas clínicas onde se realiza a IVE, o próximo mércores 23 de xaneiro às 20hs a Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións en varias cidades do país:

* LUGO Praza do Concello
* VIGO diante do MARCO
* CORUÑA no Obelisco
* COMPOSTELA no Toural
* FERROL diante do Edificio da Xunta
* PONTEVEDRA na Praza 8 de Marzo

A Coordenadora Nacional reunida o sábado 19 decideu comezar unha campaña de recollida de autoinculpacións que se presentarán nos xulgados o próximo 8 de Marzo, coincidindo co Dia Internacional das Mulleres.


ABORTO LIBRE E GRATUITO NA SANIDADE PÚBLICA XA!!!