20080229

No Día Internacional das Mulleres na Galiza, 8 de marzo de 2008: Nin un paso atrás ! Non podemos perder dereitos

8 DE MARZO, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos

Levamos un longo camiño andado desde que en 1910 se acordaba na Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, celebrada en Copenhague, sinalar o 8 de Marzo como un día de mobilización e loita polos dereitos das mulleres. A nosa sociedade ten avanzado cara onde soñaban as mulleres que viviron a Segunda República, e como nin chegaron a imaxinar as que tiveron que sobrevivir á dictadura franquista. Con todo, sabemos que nos queda moito por camiñar. Tamén sabemos que o que temos conquistado até agora pode sernos arrebatado por intereses políticos, económicos ou relixiosos. Isto é o que sucedeu nas últimas décadas en paises como Afganistam, Iraq, Nicaragua, Exipto, EEUU ou Polonia. Isto é o que pretenden as forzas reaccionarias representadas pola Conferencia Episcopal e a cúpula do Partido Popular.

Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.

Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.

A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta www.feminismo.info

NIN UN PASO ATRÁS! AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS

ACTOS PROGRAMADOS PARA O DÍA 8 DE MARZO

Entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades ás 13 h.

-Pontevedra: Concentración ás 20 h. na Praza 8 de Marzo.

-Vigo: Manifestación ás 12 h. con saída da Praza 8 de Marzo.

-Ourense: Concentración ás 13 h. diante do Xulgado.

-A Coruña: Concentración ás 12 h. na Praza de Catro Camiños.

-Ferrol: Concentración ás 12 h. diante do Xulgado (R/ Coruña).

-Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13 h.
________________

Um comentário:

Anônimo disse...

A Delegación do Goberno en Galicia decidiu prohibir as manifestacións convocadas para a xornada de reflexión, previa ás eleccións xerais do 9 de marzo, e que estaban relacionadas coa conmemoración o Día Internacional da Muller Traballadora.