20080229

No Día Internacional das Mulleres na Galiza, 8 de marzo de 2008: Nin un paso atrás ! Non podemos perder dereitos

8 DE MARZO, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Nin un paso atrás! As mulleres non podemos perder dereitos

Levamos un longo camiño andado desde que en 1910 se acordaba na Conferencia Internacional Socialista de Mulleres, celebrada en Copenhague, sinalar o 8 de Marzo como un día de mobilización e loita polos dereitos das mulleres. A nosa sociedade ten avanzado cara onde soñaban as mulleres que viviron a Segunda República, e como nin chegaron a imaxinar as que tiveron que sobrevivir á dictadura franquista. Con todo, sabemos que nos queda moito por camiñar. Tamén sabemos que o que temos conquistado até agora pode sernos arrebatado por intereses políticos, económicos ou relixiosos. Isto é o que sucedeu nas últimas décadas en paises como Afganistam, Iraq, Nicaragua, Exipto, EEUU ou Polonia. Isto é o que pretenden as forzas reaccionarias representadas pola Conferencia Episcopal e a cúpula do Partido Popular.

Asistimos, nestes últimos meses, a un discurso ameazador que relaciona un suposto caos social coa liberdade das mulleres, co noso estatus de cidadás en igualdade e cos dereitos conseguidos até agora. E dos discursos preténdese pasar aos feitos. Así xa se fixo, abrindo procesos xudiciais a mulleres que se acolleron á Lei do Aborto, demostrándonos que esta lei é insuficiente para protexer e garantir o noso dereito a decicir, e nos deixa desprotexidas ante a reacción machista. Políticos conservadores, para a nosa intranquilidade, aseguran que se gañan as eleccións van facer cumprir a Lei do Aborto. E dicer, haberá máis mulleres enxuiciadas, máis clínicas fechadas e máis obxección de conciencia na sanidade pública. Os discursos non paran aí. Fálase do divorcio como un mal da nosa sociedade e descúlpase a violencia machista por falta de paciencia e capacidade de sacrificio das mulleres.

Para o noso asombro, estes políticos, coreados pola Conferencia Episcopal, falan de negar os dereitos humanos, o dereito á igualdade, a lesbianas e gais, intentando impoñer un modelo único de familia. Ademais, o racismo tinxe este discurso que pretende que recuperemos o medo á liberdade de épocas escuras, de exclusión e sufrimento para as mulleres. A situación é grave porque falamos da institución relixiosa con máis poder no noso país e dunha forza política maioritaria.

A Marcha Mundial das Mulleres recolle moitos anos de experiencia de loita feminista de todas partes do planeta. É por iso que sabemos que cando soan tambores anunciando pasos atrás, retrocesos na conquista dos nosos dereitos, o mellor xeito de facerlles fronte é a denuncia, a organización e a mobilización. Este 8 de Marzo estaremos presentando autoinculpacións de ter abortado nos xulgados das sete cidades galegas. Facémolo para mostrar a nosa solidariedade coas mulleres enxuizadas, para denunciar unha lei que non garante o noso dereito a decidir. Estaremos organizando, ao longo da xeografía galega, actos de denuncia e toma de conciencia, do que nos xogamos se nos arrebatan o que levamos conseguido. Estaremos visibeis, ocupando os espazos públicos. Estaremos unidas ao resto das mulleres do planeta que senten a necesidade de cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, e que hai que cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

Se queres sumarte á nosa resposta contra a reacción machista consulta www.feminismo.info

NIN UN PASO ATRÁS! AS MULLERES NON PODEMOS PERDER DEREITOS

ACTOS PROGRAMADOS PARA O DÍA 8 DE MARZO

Entrega de autoinculpacións nos xulgados das sete cidades ás 13 h.

-Pontevedra: Concentración ás 20 h. na Praza 8 de Marzo.

-Vigo: Manifestación ás 12 h. con saída da Praza 8 de Marzo.

-Ourense: Concentración ás 13 h. diante do Xulgado.

-A Coruña: Concentración ás 12 h. na Praza de Catro Camiños.

-Ferrol: Concentración ás 12 h. diante do Xulgado (R/ Coruña).

-Compostela: Entrega de autoinculpacións no Xulgado ás 13 h.
________________

20080221

Nota enviada aos medios de comunicación pola Coordenadora Local de Ourense


A MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES EN OURENSE, CON MOTIVO DA SIGNIFICADA DATA DO 8 DE MARZO, E AO FÍO DOS ATAQUES OCURRIDOS NOS ÚLTIMOS MESES CONTRA A INTIMIDADE E O DEREITO DAS MULLERES AO ABORTO, ASÍ COMO CARA AS E OS PROFESIONAIS QUE OS PRACTICAN, QUERE PROPICIAR O DEBATE SOBRE ESTE TEMA NA NOSA SOCIEDADE E FACER O SEGUINTE MANIFESTO:

Na lexislación do Estado Español o aborto é un delito recollido no Código Penal, que no ano 1985 se ve despenalizado parcialmente (Reforma do Artº 417 bis do C.P. por L.O. 9/1985, de 5 de Xullo) só en tres supostos: Terapéutico (perigo para a saúde física ou psíquica da nai, sen límite de prazo xestacional), Euxenésico (afectación do feto até as 22 semanas de xestación) e Ético (violación denunciada até as 12 semanas de xestación).

No transcurso destos 22 anos de despenalización parcial do delito propiciáronse diferentes consecuencias sociais con implicación directa na vida das mulleres :
Aumentaron progresiamente as actitudes sociais e persoais positivas a favor da interrupción voluntaria da xestación.
Esta maior permisibidade social propiciou, a partir de 1985, o nacemento de tres clínicas privadas acreditadas legalmente en Galiza para a Interrupción da xestación. Realizan todos os abortos até as 12 semanas de xestación baixo o suposto terapéutico de perigo para a saúde psíquica da nai, contando para isto con psiquiátras próprios pagados para a realización de informes con esta indicación. Isto da lugar a que todas as mulleres con capacidade económica para sufragar os gastos poidan interrumpir unha xestación non desexada, e ante esta posibilidade aumente o número de mulleres que demanda este dereito.
Pola contra, no sistema público de saúde, existen e persisten até o de agora dificuldades importantes realizándose un número moi baixo de interrupcións debido á Obxección de conciencia d@s profesionais sanitarios, tanto para a certificación das indicacions por parte d@s especialistas como para a realización dos mesmos dentro dos hospitais.

A pesar destas dificultades no ámbito público, un gran número de mulleres pode solucionar o seu problema no ámbito privado, co que os grupos de presión social que tradicionalmente viñan reivindicando a promulgación dunha Lei de aborto baseada en prazos dentro da sanidade pública como un dereito da saúde sexual e reproductiva das mulleres, afogaran as súas voces.

Mais hoxe, igual que hai 22 anos, froito dunha lexislación restritiva e penalizadora, persisten os problemas que limitan a liberdade individual das mulleres para acceder ao aborto. Por tanto, é preciso pór de manifesto:

O aborto non é unha prestación universal por dereito: As mulleres con menor capacidade económica, sobre quen recaen maiores consecuencias sociais desfavorábels polo feito de ter un fillo/a, son as que teñen maior dificuldade para acceder a esta prestación ao realizarse o 95% dos abortos na privada.
Existe unha dobre bara de medir: Todas as mulleres con embarazos non desexados sofren afectación psíquica segundo as e os especialistas en psiquiatría das clínicas privadas, pero non lles ocurre así se a valoración da indicación é de psiquiátras alleos a estas clínicas.
Non existe unha regulación da obxección de conciencia, basta con que @s diferentes profesionais digan que non queren colaborar en nada relativo ao aborto, por conflictos éticos ou simplemente por non significarse dentro do colectivo profesional que mantén prexuizos neste tema. Isto trae como consecuencia que haxa profesionais contratados para traballar en Planificación Familiar que non queran asesorar sobre aborto, ou que existan hospitais públicos onde nengún/nengunha profesional garantice o dereito ao aborto a mulleres que xa obtiveron os difíciles informes de indicación legal pertinentes.
Nos últimos tempos, co acceso dos partidos de esquerdas galegos ao goberno da Xunta de Galiza, intentouse subsanar algúns dos erros do pasado sen modificar a lexislación, o que lonxe de contribuír á universalización do dereito, o que fixo foi acentúar máis a desigualdade de trato dependendo da zona xeográfica de residencia da muller. Por exemplo, para subsanar o problema da Coruña onde nengún profesional da sanidade pública estaba disposto a realizar abortos, a Inspección sanitaria desta provincia autoriza e paga todas as interrupcións do embarazo nunha clínica privada da cidade.
Así pois, absolutamente a todas as mulleres da Coruña, que non as do resto de Galiza, se lles garantiza o dereito ao aborto. Só teñen que acudir á clínica privada onde a/o psiquiatra da mesma lles emite o informe de indicación que despois paga a Seguridade Social.
E por último, a inconcreción da lexislación actual, entre outras moitas irregularidades, propicia a indefensión legal das e dos profesionais que realizan abortos e a gravísima intromisión na intimidade das mulleres a que estamos asistindo nos últimos meses.

Pasados 22 anos da despenalización parcial, é preciso reflexionar sobre o aborto. A sociedade evolucionou cara actitudes máis favorábels que permiten sen risco de enfrentamentos garantir este dereito de saúde das mulleres si existe vontade política.

É por isto, polo que neste 8 de Marzo de 2008, a igual que fixemos en 1985, as mulleres da MARCHA MUNDIAL queremos facer rexurdir a conciencia da cidadanía, para novamente esixir aos gobernos de esquerdas que cumpran coa súa obriga ideolóxica de universalizar a prestación da interrupción legal da xestación a todas as cidadás en igualdade de condicións, solicitando ao Parlamento Español a elaboración e aprobación dunha verdadeira Lei do aborto baseada en prazos, que deixe de ser un delito recollido no Código Penal, que se garantice a súa realización con cargo á Seguridade Social e que se regule a obxección de conciencia d@s profesionais.