20080123

Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres para as concentracións do 23X


Hai case 30 anos o xuízo a 11 mulleres de Basauri por ter abortado iniciou unha longa campaña do movemento feminista polo dereito ao aborto.

Dimos pasos moi ousados nos que desafiabamos aberta e descaradamente a legalidade vixente, nunha campaña sostida ao longo de varios anos: dicindo que dabamos enderezos e información para abortar, autoinculpándonos de ter abortado, ou ter colaborado na realización de abortos, ou mesmo por realizalos. como xeito de loita, para poñer entre a espada e a parede ao poder xudicial e ao poder executivo.

Non se atreveron a xulgarnos (aínda que se abriron dilixencias a 8 militantes feministas que afirmaron a autoría material dun aborto practicado na cidade de Vigo e que así o testemuñaron diante do xuíz que as chamou a declarar no mes de setembro do ano 86).
Hoxe, tantos anos despois, as actuacións xudiciais que levaron á garda civil a entrar na casa das mulleres para citalas a declarar por ter abortado, ten xerado unha situación de indignación que nos retrotrae a épocas pasadas.

Ante todo queremos manifestar o noso total apoio e solidariedade con estas mulleres.
A persecución que sufriron é un ataque a todas e unha ameaza ao dereito de decidir, polo que desde a Marcha Mundial das Mulleres iniciamos unha campaña de autoinculpacións que entregaremos no xulgado o 8 de marzo.

ESIXIMOS AO GOBERNO E AOS PARTIDOS POLÍTICOS UN COMPROMISO CLARO E DECIDIDO PARA MODIFICAR A ACTUAL DESPENALIZACIÓN PARCIAL DO ABORTO, ACABANDO COA INSEGURIDADE XURÍDICA QUE XENERA.

ESIXIMOS QUE A NOVA NORMATIVA GARANTA E RESPECTE O DEREITO DAS MULLERES A INTERRUMPIR VOLUNTARIAMENTE O SEU EMBARAZO, ASEGURANDO QUE ESTAS INTERRUPCIÓNS SE FAGAN DE FORMA NORMALIZADA NA REDE SANITARIA PÚBLICA:

ABORTO LIBRE E GRATUITO NA SANIDADE PÚBLICA
_____________

20080119

A Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións polo dereito ao aborto.


Diante das agresións e vulneracións de dereitos que veñen sucedendose nas últimas semanas, e que están afectando tanto a mulleres que interrumpiron o embarazo, como ao persoal que traballa nas clínicas onde se realiza a IVE, o próximo mércores 23 de xaneiro às 20hs a Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións en varias cidades do país:

* LUGO Praza do Concello
* VIGO diante do MARCO
* CORUÑA no Obelisco
* COMPOSTELA no Toural
* FERROL diante do Edificio da Xunta
* PONTEVEDRA na Praza 8 de Marzo

A Coordenadora Nacional reunida o sábado 19 decideu comezar unha campaña de recollida de autoinculpacións que se presentarán nos xulgados o próximo 8 de Marzo, coincidindo co Dia Internacional das Mulleres.


ABORTO LIBRE E GRATUITO NA SANIDADE PÚBLICA XA!!!