20070207

Convocatoria en Vigo: Esta vez foi Mª Carmen quen morreu pero cando unha muller é asasinada todas somos víctimas


MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
R/ Romil, 20
VIGO



CONCENTRACIÓN,
MÉRCORES, 7 DE FEBREIRO,

ÁS 8 DA TARDE,
DIANTE DO MARCO

A Marcha Mundial das Mulleres de Vigo quere manifestar a sua dor pola morte de Mari Carmen, veciña de Meaño, e a sua repulsa unha vez máis pola violência de xénero. E queremos facer pública a nosa raiba e a nosa dor para que o seu asasinato non sexa silenciado.

Mari Carmen é a primeira víctima de violencia de xénero en Galiza neste ano 2007, pero temos que lembrar que non é a primeira en Galiza desde o 2005 como din algúns meios de comunicación. No ano 2006 foron asesinadas outras tres mulleres: Águeda (en Baiona), Argentina (en Vigo) e Mª Mar (en Cedeira), sen contar coa muller nixeriana aparecida morta en Vigo da que non sabemos se morreu por causas naturais.

Unha vez máis temos a constatación dolorosa de que a “familia e o fogar” seguen sendo lugares inseguros para as mulleres, porque non está garantida a nosa seguridade, e a nosa liberdade.

A violencia de xénero non é un problema individual causado polo álcool, ainda que éste pode ser un desencadenante, nen é un problema das mulleres, ainda que somos nós quen o sofrimos. É un problema da cultura masculina/patriarcal e dos homes. Son as normas desta cultura as que propician e toleran a violéncia e son “homes” as que a exercen de diversos modos e en diferentes ámbitos. Por todo iso é necesário o compromiso de toda a sociedade para colaborar na loita contra a violéncia.


Esta vez foi Mª Carmen quen morreu pero cando unha muller é asasinada todas somos víctimas.

CONCENTRACIÓN,

MÉRCORES, 7 DE FEBREIRO,

ÁS 8 DA TARDE, DIANTE DO MARCO

Nenhum comentário: