20071129

25N2007 Buserana, na Costa da Morte

comunicado DE BUSERANA PARA O 25 N. 2007

Benvidas e benvidos a este acto pola non violencia contra as mulleres. Reunímonos este 25 de novembro baixo o lema Podemos acabar coa violencia machista, cadaquén dende a súa responsabilidade. Podemos??

A maior parte de nós, ao non usarmos a violencia física nas nosas relacións habituais, estamos convencidas e convencidos de non sermos sexistas, de non ter nada que ver coa violencia que sofren esas mulleres que con demasiada frecuencia saen nos xornais, pasando a engrosar unha estadística negra. Mais unha cousa é non querer ser sexista, e outra ter comportamentos e pensamentos que, interiorizados hai tempo, hoxe son inconscientes e convírtennos en cómplices involuntarias e involuntarios dese machismo que mata. Porque a violencia sobre as mulleres xorde dunha sociedade patriarcal, e todos e cada un dos matices que así a conforman, axudan a manter tamén esta lacra.

Aí radica a importancia do que cadaquén pode facer. É fundamental a vontade de facer visíbeis e de rexeitar todos aqueles feitos e ditos “normais” que perpetúan o machismo na nosa sociedade. Todos os días. En cada lugar. En calquera situación. Con calquera que esteamos. Sempre.

Podemos, claro está, non agredir fisicamente a ninguén. Mais tampouco agredamos verbalmente. Agrede quen insulta, quen critica a roupa dunha rapaza ou muller porque parece unha puta, o que nos extremos leva a xustificar unha violación pola provocación que ela supuña, ou unha malleira na casa porque non me gusta como vas. Agrede tamén quen cala ante esas críticas, pois cando permitimos un comportamento facémonos cómplices por omisión.

Podemos deixar de rir os chistes machistas, e pedir a quen os conte unha actitude de respecto. Podemos non ver os programas que fan do machismo un humor que denigra as mulleres e perpetúa o sexismo base da violencia.

Podemos non entrar nas conversas sexistas, que consideran as mulleres simples obxectos: descalificándonos cando non gustamos fisicamente, tratándonos coma un floreiro inútil cando si.

Podemos deixar de supoñer actitudes e aptitudes, ou a falta delas, das mulleres, mozas e nenas polo feito de selo.

Podemos educar na igualdade real: a facer os mesmos traballos, a vestir como elixamos, a tomar as propias decisións, a querer a quen queiramos, e a deixar de querer cando así o sintamos.

Podemos falar tamén en feminino. A linguaxe é masculina porque foi regulamentada por homes para un mundo patriarcal; o masculino inclúe o feminino no mundo no que as mulleres están sometidas aos homes. Non queremos ese mundo. Porque aquilo do que non se fala, non existe, falemos en feminino, xa que só facéndonos visíbeis haberá igualdade real.

Podemos apoiar as mulleres maltratadas sen esquecer nunca que ela é a víctima. Nada, nunca, xustifica a violencia. Este ano tivemos o horror moi preto de aquí, neste mesmo concello. E escoitamos máis lamentos polo que lle pasaría ao pobre do home, tivo que ser un momento de tolemia, que pola muller asasinada, que a saber que faría. E podemos chamar as cousas polo seu nome: esta muller, como tantas outras, non morreu, señoras e señores; foi asasinada.

Podemos aillar os maltratadores, e transmitir, cada vez que unha muller é asasinada, golpeada, controlada ou insultada, que esta sociedade non os admite. E debemos rexeitalos en voz alta e clara, publicamente, por boas cualidades que na vida pública se lle puidesen ter apreciado. É absolutamente incompatibel ser boa persoa con agredir a outra. Os lobos, inda con pel de ovella, deben ser tratados como tal.

Podemos, mulleres, mozas e nenas, aprender a querernos a nós mesmas, e saber dende o berce que a responsabilidade de governar as nosas vidas é nosa. Fronte ao que a sociedade viña ensinando, hoxe debemos saber que non o hai violencia xustificada, que non merecemos o maltrato, que non é xusto nen normal, que non é culpa nosa, que non hai por que aguantar, que un maltratador non cambia, que o problema teno el. Debemos sabelo e facelo saber. Ignoralo levou á morte este ano a 69 mulleres. E cando topemos con quen cre o contrario, denunciémolo e rexeitémolo sen contemplacións.

Cada unha e cada un de nós pode e debe, dende a súa responsabilidade persoal, profesional e familiar, construír a sociedade igualitaria e pacífica que desexamos. Sociedade na que ningunha muller sexa asasinada por selo, na que ningunha muller sufra no silencio da súa privacidade golpes, insultos, humillacións e control, na que ningunha nena aprenda que as relacións violentas e de dominio son as normais. Cambiemos os pequenos detalles que transmiten e interiorizan o machismo, e cada vez que o fagamos estaremos contribuíndo a erradicar o maltrato. Nós xa o facemos. Ti tamén podes. Xuntas e xuntos, PODEMOS.

Cee, 25 novembro 2007

Enlace co Comunicado do 25N2007 da Marcha da Galiza

Enlace co Comunicado do 25N2007 da Marcha Internacional
______________

Nenhum comentário: