20071124

O CPXG e o OM organizan este sábado 24 de novembro de 2007 a xuntanza "O papel dos medios na información de xénero"

DENTRO DA PROGRAMACIÓN DAS VI XORNADAS LOCAIS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO DO CONCELLO DE LUGO

O CPXG e o OM organizan este sábado a xuntanza 'O papel dos medios na información de xénero

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) Xosé Manuel Vega Gómez e a Concelleira de Muller e Benestar Social de Lugo Carmen Basadre inauguran este sábado 24 de novembro ás 9:30 da mañá a xuntanza O papel dos medios na información de xénero, organizada polo CPXG e o Observatorio Galego dos Medios (OM) no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra. Esta xustanza, inserida nas VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero organizadas polo Concello de Lugo e a Casa da Muller, vai contar coa participación de xornalistas, investigadoras, avogadas e integrantes das asociacións de mulleres, a fin de ofrecer todas as perspectivas posíbeis sobre esta información.

A xuntanza vai continuar ás 10:00 horas da mañá coa conferencia de Marisa Soleto Ávila (directora da Fundación Mujeres) sobre a posición das organizacións de mulleres en relación coa igualdade nos medios, que vai ser presentada por Belén Puñal, xornalista especializada en comunicación de xénero. A continuación vai ser desenvolvida unha mesa redonda sobre o tratamento da información relacionada coa violencia machista, coa presenza de Luisa Costas (La Opinión de A Coruña), Cristina Caruncho Michinel (Universidade de Vigo) e Belén Regueiro (Casa da Muller do Concello de Lugo) e a moderación de Juan Carlos Rodríguez (Cadena Ser).

O treito da tarde vai comezar ás 16:30 horas e constará de dúas mesas redondas, unha dedicada ao pacto de autorregulamento, con Silvia Pérez Freire (Alecrín), Ana Sanmartín (CRTVG) e María Luísa Pasín (avogada), e outra orientada a buscar solucións para mellorar a función socializadora dos medios, na que participarán María Solar (CRTVG), Carmen Blanco (USC) e Lupe Cês (Marcha Mundial das Mulleres). As mesas van ser moderadas, respectivamente, por Begoña Fontenla e Lourdes Abuide, ambas as dúas xornalistas da CRTVG e de Onda Cero, respectivamente. A xornada, finalmente, vai ser clausurada ás 20:00 horas do serán.

As persoas interesadas poden inscribirse nos teléfonos 981935670 e 981936709 ou enviando un correo electrónico aos enderezos xornalistas@xornalistas.com ou observatorio@xornalistas.com.
________________________

Observatorio dos Medios
http://observatoriodosmedios.org/
observatorio@xornalistas.com
23 de novembro de 2007 10:12
_________________

Nenhum comentário: